En 2004, no cume do G8, Greenpeace e o primeiro ministro de Xapón presentan a regra das tres R, unha iniciativa que propón hábitos que reduzan os residuos urbanos e coidar máis o noso planeta.
Estas tres R fan referencia ás palabras reducir, reutilizar e reciclar, pasos básicos que debería levar a cabo a sociedade. Son cambios de hábitos que minimizarían a deterioración ambiental e suporían unha mudanza no modelo produtivo: pasar dun modelo lineal a un modelo de economía circular no que busquemos a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos, reciclándoos ou dándolles unha nova vida para convertelos en novos produtos.
O modelo lineal
Baséase no modelo de usar e tirar, que precisa de grandes cantidades de materiais e enerxía. O Parlamento Europeo e a sociedade pídennos que se tomen medidas para deixar atrás este modelo.
O modelo de economía circular
É un modelo de produción e consumo que implica reducir os residuos ao mínimo. Cando un produto chega ao final da súa vida, os seus materiais mantéñense dentro da economía sempre que sexa posible. Desta forma, pódense utilizar unha e outra vez.
Existen diferentes motivos que xustifican o cambio a unha economía circular:
O Concello de Redondela busca concienciar a veciñanza da importancia da economía circular e a necesidade da reciclaxe e estimular a participación cidadá na loita contra a deterioración do planeta mediante a redución, a reutilización e a reciclaxe dos produtos que consumimos.
Ás tres R engadíuselles unha nova iniciativa, a regra das sete R, que supón preocuparnos por outros conceptos como o ecodeseño e a reparación. Amplíanse así de tres a sete as accións que debemos realizar para combater a deterioración ambiental e o cambio climático.
- Redeseñar: deseñar os produtos tendo en conta o medio ambiente e baseándose no ecodeseño.
- Reducir: para coidar o medioambiente, debemos reducir tamén a cantidade de produtos que consumimos e os residuos que xeramos.
- Reutilizar: prolongar a vida útil dos produtos, xa sexa usándoos de novo ou dándolles novas vidas a través de manualidades ou bricolaxe.
- Reparar: normalmente, reparar un produto estragado sempre é máis barato e mellor para o medio ambiente. Afórranse materias primas e enerxía e redúcense os residuos.
- Renovar: actualizar os obxectos antigos para que poidan volver servir para aquilo para o que foron creados.
- Recuperar: consiste en recoller materiais que xa se usaron para reintroducilos no proceso produtivo.
- Reciclar: converter residuos en novos produtos ou en materia prima para a súa posterior utilización.