Redondela reafirma o compromiso cos seus ríos sumándose á limpeza simultánea do 'Proxecto Ríos' de Adega

O Concello colaborará coa asociación ArteLixo na limpeza do río Pexegueiro e coa Asociación de Veciños de Chapela, na retirada de lixo do río Maceiras. A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Redondela que dirixe Alberto Álvarez, vén de reafirmar a súa aposta polos ríos sumándose á xornada de Limpeza Simultánea de ríos que se desenvolverá este vindeiro domingo, 26 de setembro ao abeiro do ‘Proxecto Ríos’ promovido por Adega. Tal e como adiantou Alberto Álvarez, o Concello redondelán a través do Departamento de Medio Ambiente colaborará coa asociación ArteLixo e coa Asociación de Veciños de Chapela nas limpezas que levarán acabo nos ríos Pexegueiro e Maceiras.
“Nestas últimas datas estivemos traballando arreo na limpeza e rozado das beiras dos treitos urbanos dos nosos ríos que son nos que o Concello ten competencias –explica o concelleiro– polo que a participación no Proxecto Ríos e a campaña de limpeza simultánea supón unha acción máis na protección do noso medio natural”.
Río Pexegueiro
A limpeza do río Pexegueiro, organizada pola asociación ArteLixo terá o seu punto de reunión e saída fronte á Piscina Municipal de Redondela ás 10 horas. Unha vez rematadas as labores de limpeza, está prevista a celebración dun xantar popular á beira do río na que as e os participantes deberán levar a súa comida. A inscrición para participar nesta iniciativa deberá realizarse no correo artelixoredondela@gmail.com.