
Outros
Ademais dos materiais máis clásicos e máis coñecidos pola poboación xeral, como poden ser o papel, o cartón ou o plástico, tamén nos atopamos co aceite, as pilas, os tapóns, medicamentos, roupa…, os cales, debido ás súas propiedades, contan co seu propio contedor.
Contedor tapóns

Os tapóns estan feitos de polietileno de alta densidade, é dicir, un plástico de bastante calidade e moi valioso no mercado. Cabe destacar que é un material que, por regra xeral, chega en bo estado ás plantas de reciclaxe, o que facilita a súa reciclaxe. Ao ser de moi pequeno tamaño, almacénanse sen ningunha dificultade.
En Redondela dispoñemos de contedores especificos para tapóns. Non se poden depositar tapóns que estean compostos por algún metal, aínda que a maior parte sexan de plástico.

Contedor aceite

Reciclar aceite é moi útil por dúas razóns: a primeira é que, ao reciclármolo, pódense fabricar produtos ecolóxicos, como biodiésel e xabón. A segunda razón, pero non menos importante, é que se evita a contaminación que provoca nos solos e nos ríos, ademais dos danos nas tubaxes nas que é vertedura.
Para evitalo, existen os contedores de aceite, nos cales só se poden depositar os aceites de cociña (nunha botella chea co aceite), é dicir, os aceites industriais e outros tipos de aceites non.

Colector pilas

Os colectores de pilas sitúanse nos illotes de reciclaxe, son de cor amarela tipo papeleira. Podemos depositar neles todas as pilas de uso doméstico, tanto as pilas de tipo botón como o resto (pilas de litio, de ión de litio, de chumbo, salinas/alcalinas). Non podemos depositar todos aqueles materiais que non sexan pilas por moito que cumpran unha función similar, tan pouco as baterías de móbil.
Desde o punto de vista ambiental, contén produtos altamente nocivos e tóxicos, como mercurio, cadmio, zinc, etc., que se acumulan en diferentes fases da cadea alimenticia, provocando importantes efectos prexudiciais na saúde das persoas e seres vivos.
As pilas convencionais teñen un proceso complexo de reciclaxe onde se separan os diferentes compoñentes que as forman (metais férricos, metais non férricos, plásticos, papel e o po da propia pila). Unha vez extraídos os materiais reutilizables, o resto de materiais procédense ao seu enterramento en entulleiras controladas.
As pilas de botón(mercurio) recíclanse mediante un proceso de quecemento que permite extraer o mercurio a través da condensación de gases mercúricos.

Contedor roupa

O proceso de fabricación de roupa e calzado é moi contaminante. Depositar a roupa que imos tirar nun contedor de roupa contribúe a que se produza menos cantidade de roupa e, á súa vez, menos residuos. A roupa e o calzado deben ir nunha bolsa pechada.
Contedor medicamentos

Os residuos producidos polos medicamentos son altamente contaminantes, sobre todo para o solo, a auga e os ecosistemas. Para evitar isto, deposítanse nos Puntos SIGRE, que están situados nas farmacias.
No Punto SIGRE deposítanse medicamentos caducados, que xa non precisamos, caixas de medicamentos limpas de posibles verteduras destes e envases vacíos.
Non se depositan xiringas, termómetros, gasas, produtos químicos, radiografías, pilas, máscaras e test de COVID-19.
