Redondela recicla – Concello de Redondela

logo redondelarecicla.es

Os informes do axente da Concellería de Medio Ambiente apuntan que o vertido a ría do 26 de maio produciuse en Aucosa

Imaxe Os informes do axente da Concellería de Medio Ambiente apuntan que o vertido a ría do 26 de maio produciuse en Aucosa

O día 26 de Maio ría de Vigo sufriu un vertido industrial no litoral de Redondela a altura de Cabanas.

Sobre as 15:27 horas do día sinalado o axente de medio ambiente do Concello foi alertado por unha veciña de Cabanas e pola central da policía local da existencia dunha mancha de grandes dimensións na ría á altura da praia de Cabanas. Unha vez no lugar o axente en compaña dos compañeiros da Policía Local observan varias manchas de grandes dimensións de cor alaranxado á altura da ponte de Rande.

Coa colaboración dun mariñeiro do lugar que estaba pescando ca súa embarcación, o axente puido adentrarse na ría para recoller unha mostra podendo comprobar que aparentemente tratábase dunha sustancia moi compacta, moi aceitosa similar a algún tipo de graxa que desprendía un forte cheiro a peixe.

Ante a magnitude do vertido, o axente procedeu a chamar a unha técnica especialista en mostras contratada polo concello para que desprazara ó lugar e recoller as mostras necesarias para realizar a análise e esclarecer de que sustancia se trataba. Os feitos foron postos en coñecemento de Salvamento Marítimo que desprazou ó lugar ó buque “Pelícano”. Tamén realizou unha inspección aérea o helicóptero “Pesca I”, e o buque dos garda costas de Galicia “Valentín Paz Andrade” que colaborou co actuante na recollida de mostras suficientes da sustancia nun bote de cristal e dous de plástico.

Durante todo este temo den o inicio da actuación foron revisados polo axente e a técnica varios lugares da zona e instalacións industriais tal e como marcan os protocolos. 

Sobre as 19:30h presentouse en AUCOSA o xefe do departamento de sostibilidade da Autoridade Portuaria de Vigo, o xefe de Salvamento Marítimo de Vigo, que conxuntamente co axente de medio ambiente do concello de Redondela inspeccionaron a parte traseira exterior da empresa observando un habitáculo, aberto pola súa parte superior , onde se atopan tres tanques de aceiro inoxidable de gran tamaño, aparentemente estancos,cunha capacidade de 29.000 litros cada un deles. No chan do habitáculo apréciase gran cantidade dunha sustancia moi similar a recollida na ría,ca mesma textura, cor e cheiro a peixe. A técnica especialista realiza unha recollida de varias mostras da sustancia existente no interior do habitáculo en varios botes de cristal e plástico para ser analizadas e realizar unha comparativa cas mostras recollidas na ría.

Unha vez recibidas as analíticas das mostras recollidas incorporaranse o informe que no día de hoxe foi enviado os organismos competentes da Xunta de Galicia.
Episodios de fortes cheiros

Resulta moi alarmante que mentres no Parlamento de Galicia a Dirección xeral de Cambio Climático declara que esta empresa contaminante está cumprindo coa declaración medio ambiental integrada. Nos últimos 15 días tras un incremento da produción o fedor que padece a veciñanza afectada é nauseabundo. Dende a Concellería de Medio Ambiente solicitase a Xunta de Galicia un maior control e tempo de resposta sobre as actividades de Aucosa. Pois está sendo o Concello de Redondela administración que carece de competencias para sancionar a esta industria contaminante, o que está poñendo recursos persoais e económicos para o seu control.