Exposición de Medio Ambiente "O MAR NON O MERECE"

Medio Ambiente expón nun lateral do edificio da Casa do Concello entullos e anacos de vidro retirados do mar.
Diversas persoas descobren materiais recuperados do mar, mostra da contaminación constante que é devolta polo mar ás praias do noso municipio.
Co título “O MAR NON O MERECE” a Concellería de Medio Ambiente do Concello de Redondela colocou o día 2 de decembro na contorna da casa do concello, unha exposición do material retirado meses atrás en Chapela nos areais de Arealonga e Penedos por voluntariado, veciñanza e persoal municipal. En principio o destino destes materiais era unha planta xestora para os entullos e reciclaxe no caso do vidro. Visto que as cantidades que se retiraban eran moi abundantes e o logro colectivo que supuña lavar as pezas unha a unha evitando levarse area. A Concellería decidiu gardar parte do retirado para que a cidadanía observe o que hai nese gran ecosistema que forma a ría de Vigo en parte degradado por unha actividade humana sen control. Tamén para que a veciñanza, voluntariado e persoal do concello que participou nestas tarefas, poidan ver o resultado do seu esforzo exposto, nesta campaña de concienciación do medio ambiental. Que pretende marcar un rumbo na recuperación de espazos medio ambientais degradados a través de accións compartidas entre cidadanía e a Administración local e, poder realizar futuras campañas nos espazos naturais do municipio.
ENTULLOS E VIDRO RETIRADOS DO MAR EN CHAPELA
Estes materiais feitos pola man do ser humano foron retirados do mar onde non nacen, nin medran, nin tampouco se reproducen.
- Retirados do mar de Chapela nas praias de Arealonga e Penedos.
- Recollidos polas mans da veciñanza de Chapela, voluntariado que chegou dende Vigo, traballadoras e traballadores do Concello de Redondela.
- Lavados con auga do mar peza a peza, para evitar levarse a area que viña pegada e non quitarlle máis aos areais que tanto castigamos.
- Actividades que se realizaron en xullo e agosto en colaboración con colectivos e veciñanza, en setembro e outubro por persoal do concello.
- Nestas xornadas chegáronse a retirar arredor de cinco sacos de obra dun metro cúbico cada un de entullos, e sobre catro capachos de vidro cun peso aproximado de máis 30 kg cada un.
- Na exposición tan só hai unha parte do retirado, porque non está orientada para amosar cantidades. Esta exposición oriéntase para que vostede observe o que sae do mar e, por desgraza, non son peixes nin marisco. Son restos de actividades do ser humano que non respectaron o máis mínimo o medio ambiente.
A exposición colocouse sen publicidade previa para observar as reaccións e a curiosidade da veciñanza que pasa a diario polas contornas do concello. Despois dunha semana o resultado foi moi satisfactorio, pois moitas persoas son as que se paran a diario na exposición e ademais de que xa a visitaron dous grupos de mestras con escolares de colexios de primaria de Redondela.
Excursión de nenas e nenos do colexio que, expontáneamente, visitou e comentou a exposición.