As veciñas e veciños de Redondela poden inscribirse no servizo de préstamo de biotrituradoras, unha iniciativa da Concellería de Medio Ambiente pola compostaxe e a protección do medio ambiente.
A veciñanza disporá dunha biotrituradora en réxime de préstamo para poder esmiuzar ramas de ata 4 centímetros de diámetro e, dese xeito, xerar estruturante para achegar aos composteiros. Para utilizar este servizo de préstamo de biotrituradoras, non é necesario ser participante dos programas de compostaxe doméstica.
Os aparellos obxecto do préstamo, que teñen unhas dimensións de 60 x 100 x 100 (anchura, longo e altura), contan cun motor eléctrico e unha potencia mínima de 3 HP e están dotados de coitelas desfribriladoras e contracoitelas que permiten a corta de produtos leñosos e fibrosos. A maiores, están dotados de martelos móbiles para a trituración final de follas e ramas (cun diámetro máximo de 5 mm) e sebes. A produción aproximada é de 1 metro cúbico/hora.
Solicitude préstamo biotrituradora
Para darse de alta no servizo, as interesadas e interesados deberán utilizar o formulario que se pode descargar nesta páxina ou na páxina do Concello (www.redondela.gal) no apartado de Medio Ambiente. Unha vez cuberta, a solicitude deberá presentarse nos rexistros autorizados do Concello, en Redondela e Chapela, ou a través do Rexistro Electrónico.
1. Descarga a solicitude de cesión na seguinte ligazón.
2. Unha vez descargada a solicitude, tes dous procedementos para cubrila:
Cubrila de maneira dixital e imprimila.
Imprimir o documento de cesión e cubrilo de maneira manual.
3. Unha vez cuberta, deberás asinala.
4. Para entregar o devandito documento, tes dúas alternativas:
Presentalo nos rexistros autorizados do Concello, en Redondela ou Chapela.
Presentalo a través do Rexistro Electrónico.
5. Para tramitar a entrega da biotrituradora é necesario poñerse en contacto co Departamento de Vías e Obras do Concello de Redondela, no número de teléfono 986 403 650.