A Concellería de Medio Ambiente prosegue coa campaña de fomento da compostaxe doméstica polos centros culturais das parroquias

Veciñas e veciños recibirán os composteiros individuais e terán unha pequena charla informativa sobre o seu uso de cara a acadar un mellor aproveitamento. A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Redondela que xestiona Alberto Álvarez, continúa desenvolvendo unha intensa campaña de sensibilización cidadá sobre a compostaxe, as súas vantaxes e a importancia de utilizar un sistema de tratar os residuos sólidos urbanos de xeito medioambientalmente sostible e que, amais, proporciona abono orgánico de alta calidade.
Ao longo das vindeiras semanas, veciñas e veciños poderán recoller os composteiros individuais solicitados ao mesmo tempo que recibirán unha pequena charla informativa sobre a utilización dos mesmos e instrucións detalladas de como conseguir un funcionamento óptimo dos mesmos.
Logo da actividade que o xoves 7 de outubro tiña no Centro Cultural Chan das Pipas de Saxamonde, as charlas informativas e adxudicación de composteiros individuais –todas elas ás 20 horas– continuará nos seguintes días e lugares:
- Venres 8 de outubro. Centro Cultural de Cidadelle.
- Luns 11 de outubro. Centro Cultural de Reboreda.
- Mércores 13 de outubro. Centro Cultural de Vilar.
- Xoves 14 de outubro. Meirande. Rande.
- Venres 15 de outubro. Centro Cultural de Cedeira.
- Luns 18 outubro. Centro Cultural de Soutoxuste
- Martes 19 de outubro. Círculo Cultural Recreativo de Chapela
- Mércores 20 de outubro. Centro Cultural de San Estéban
- Xoves 21 de outubro. Multiusos Piñeiral do Crego de Chapela
- Martes 26 de outubro Multiusos da Xunqueira de Redondela
Tanto a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, como o concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, salientaron a importancia desta campaña de fomento da compostaxe desenvolvida dende a Concellería de Medio Ambiente “ao constituír unha ferramenta de extraordinaria importancia na xestión dos residuos orgánicos”.
De feito, está demostrado que a utilización da compostaxe reduce considerablemente a cantidade de materia orgánica e, polo tanto, diminúe os custes de transporte dos residuos cos conseguintes beneficios para a cidadanía e, a maiores, a retención de auga do compost aforra auga de rego e aporta os nutrientes para o desenvolvemento das plantas de forma natural”.