A Concellería de Medio Ambiente organizará unha actividade para nenos e nenas durante as vacacións de Semana Santa

Inscricións en “Obradoiro – Caixas niño”
O prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns 28 de marzo e farase nas oficinas de Rexistro que ten o Concello de Redondela.
A actividade consistirá na realización de caixas-niños de tres formas distintas para diversas especies de paxaros. Amais, ás e aos pequenos daráselle unha pequena charla informativa, nun formato áxil e atractivo, sobre os distintos tipos de aves e se lles fará entrega dun pequeno caderno de actividades.
Con esta iniciativa o Goberno local busca poñer o foco de atención dos e das máis pequenas na necesidade de conservar o ecosistema forestal e a importancia que as distintas especies de aves teñen no mantemento do equilibro medioambiental.
As caixas-niños elaboradas polas rapazas e rapaces serán posteriormente instaladas na contorna da Alameda Castelao de Redondela, Museo Meirande de Rande e Multiúsos do Piñeiral do Crego.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, explicaba que a actividade “busca espertar nos máis pequenos e pequenas a curiosidade polo entorno natural e, ao mesmo tempo, que poidan descubrir a importancia de protexer e conservar o medio ambiente”.