Redondela recicla – Concello de Redondela

logo redondelarecicla.es

A Concellaría de Medio Ambiente ve prioritaria a instalación dun tanque de tormentas na rede de saneamento en Redondela

Ubicación tanque tormentas na rede de saneamento en Redondela

Esta decisión está avalada por un informe que vén de recibir da concesionaria cunha análise de alternativas para a redución dos alivios da rede de saneamento. Trátase dun proxecto ambicioso e necesario para o municipio, que consta de cinco fases, e está valorado en oito millóns de euros. A Concellaría de Medio Ambiente vén de recibir o informe previo solicitado a Aqualia en abril deste ano para analizar as alternativas necesarias para a redución dos alivios da rede de saneamento. Neste estudo, que pretende evitar a sobrecarga da rede en Redondela e solucionar os problemas de contaminación no río, inclúe un ambicioso proxecto que consta de cinco fases na que destacaría a instalación dun tanque de tormentas na rede de saneamento do Concello. As obras previstas nestas fases, estimadas en máis de oito millóns de euros, inclúen: caracterización de caudais de aguas pluviais, desvío destas a cauces naturais, tanque de tormentas, colector xeral de pluviais e ampliación da rede de pluviais.

Segundo destaca o informe, “non se trata dun problema de instalación da EDAR xa que segue a ser a ter un bo rendemento senón da sobrecarga que supón o incremento do caudal polas aguas pluviais”. O tanque de tormentas previsto -continúa- “sería o encargado de almacenar o exceso de caudal de auga do colector xeral durante a fase de chuvias (mistura de pluviais e residuais urbanas) e de devolver ese volume á rede xeral mediante un bombeo, evitando así a saturación da capacidade hidráulica da depuradora”.

Segundo Roberto Villar, concelleiro de Medio Ambiente de Redondela, “este é un proxecto de calado, fundamental para Redondela e ten que ser executado -fronte ao que se fixo ata o de agora antes de nós- antes de seguir ampliando a rede de saneamento do municipio. Sabemos que é unha obra costosa, que require de tempo pero a nosa proposta é que debería empezar a executarse xa con algunha das primeiras fases xa no ano 2023”.

A proposta de ubicación para o tanque de tormentas, según propón o informe encargado pola Concellaría de Medio Ambiente, sería “baixo o aparcamento situado nas inmediacións da EDAR e contaría cunha capacidade duns 2.500 m³”.

Outras obras contratadas

Dende a Concellaría de Medio Ambiente destacan tamén que, a escasos días de abandonar o goberno, deixan contratadas as seguintes obras de saneamento no municipio: en Albagueira, na parroquia de Trasmañó, no Camiño A Costa en Chapela (proxecto fundamental para solucionar o problema de contaminación de dez vivendas que verten directamente ao río desde hai xa 40 anos) e quedan listas para contratación as obras de saneamento en Torres de Agrelo, mellora moi importante xa que tiñan un informe desfavorable de Patrimonio, polo que se debeu cambiar o trazado para levalas a cabo.

scroll-up